Volver

Giuseppe Tavani

Na mañá do día 22 de marzo de 2019, finou en Roma o Prof. Giuseppe Tavani. O insigne romanista iniciou os seus estudos na Facultade de Letras da Universidade ‘La Sapienza', ao tempo que traballaba como funcionario na Oficina de Prensa do Ministerio de Transportes italiano, ocupación esta que lle permitiu custear a súa carreira nunha época difícil. Unha vez rematada a licenciatura, Tavani optou por realizar a súa Tese de doutoramento sobre as gramáticas bilingües luso-italianas. En gran medida, este tema -e, probablemente, sen que el puidese sospeitalo naquel momento- marcou a súa traxectoria de maneira decisiva, pois levouno ao estudo da lírica galego-portuguesa, á que se afanou por sacar da marxinalidade nuns ambientes académicos marcados pola hexemonía dos estudos provenzais. O percorrido atento polas diversas fases do movemento trobadoresco peninsular e, sobre todo, a atención ao período das orixes motivaron que Tavani dirixise a súa ollada ao reino de León e, de maneira particular, a Galicia. A esta terra vencellou as orixes daquela tradición poética que, coas súas singulares cantigas, animara as cortes rexias e señoriais do centro e occidente ibéricos durante case douscentos anos. Como acontecera no século XVI con Angelo Colocci, e seguindo o ronsel de nomes tan sobranceiros como Ernesto Monaci, Enrico Molteni, Giulio Bertoni ou Silvio Pellegrini, o destino voltaba a unir a lírica galego-portuguesa cun erudito italiano, que, con intelixencia e tenacidade, logrou que as cantigas transcendesen definitivamente as súas fronteiras e recibisen un impulso definitivo na comunidade científica.

Corría o ano 1961 cando Tavani, tras superar un concurso-oposición a nivel nacional, consigue a súa primeira praza de profesor de Lingua e Literatura portuguesas. A partir de 1962, ocupa cátedras de Español, Portugués e Filoloxía Románica nas universidades de L’Aquila, Roma, Venecia e Siena. En 1974, volta definitivamente á súa alma mater como Catedrático de Filoloxía Románica, responsabilidade que asumirá con verdadeira vocación universitaria ata a súa xubilación como profesor emérito vitalicio. O seu dinamismo e constante interese pola dimensión filolóxica e literaria dos textos motivaron que, a finais dos anos ’70, fundase e dirixise as coleccións Romanica Vulgaria e Quaderni di Romanica Vulgaria.

As etapas “xeográficas” do percorrido académico do mestre italiano, xunto coa súa sólida formación romanista, permitíronlle viaxar por culturas, autores, tempos e espazos diversos. Así, na súa ampla bibliografía, xorden traballos dedicados á Razón de amor, aos tratados hispánicos de poesía medieval, aos fabliaux, aos usos e funcións do plurilingüismo (cunha atención especial ao célebre descort de Raimbaut de Vaqueiras), a Gil Vicente, a Camões ou mesmo ás particularidades do xudeo-portugués de Livorno. Ademais, enfrontou a edición de textos de trobadores occitanos (Raimon Vidal de Besalú, Folquet de Lunel) e, nos últimos tempos, intentou dar resposta a cuestións tan espiñentas como a relativa á autoría da engaiolante Altas undas que venez sus la mar ou á reconstrución das coordenadas compositivas nas que Jaufre Rudel puido tecer os seus soados versos sobre o amor de lonh.

Pero o filólogo romano non só indagou a realidade textual da Idade Media, senón que tamén buscou o sentido e a beleza das palabras na literatura do século XX, en concreto na produción de escritores tan vixentes como Fernando Pessoa, Miguel Ángel Asturias, Pablo Neruda, Cesare Pavese ou Salvador Espriu. Precisamente, este último autor conduce a unha das tradicións literarias polas que Tavani mostrou maior interese e curiosidade: a catalá. Bernart Metge, Andreu Febrer, Jordi de Sant Jordi ou Lluís Icard mereceron a súa atención en distintas fases da súa frutífera carreira académica. Foi sempre un acérrimo defensor da lingua e cultura catalás, como ben o amosan os libros que, nos tempos grises da dictadura franquista, deron a coñecer en Italia a poesía de protesta (1968) ou as cancións de Raimon (1971). Así mesmo, o seu compromiso co catalán adoita un papel activo na tradución de obras de escritores contemporáneos como Josep Vicenç Foix, Mercé Rodoreda, Pere Calders ou Jesús Moncada. Presidente da Associació Internacional de Llengua i Literatura Catalanes (1988-1994), o labor de Tavani foi recoñecido e valorado coas seguintes distincións: Doutor honoris causa pola Universidade de Barcelona (1992), Premio Catalonia do Institut d’Estudis Catalans (1986), Creu de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya (1997), Premio internacional Ramon Llull (2004), e, finalmente, Premio Josep Maria Batista i Roca (2006).  

A outra paixón filolóxica do profesor romano, o eixo (inicial) co que decidiu establecer unha complicidade continua ao longo de toda a súa vida, foi a lírica galego-portuguesa. Nos anos ‘60, publica as edicións críticas de Airas Nunez e Lourenço (1964), elabora a golpe de tecla centos de fichas para confeccionar o complexo e utilísimo Repertorio metrico (1967) e continúa a súa “folla de ruta” coa saída á luz da monografía Poesia del Duecento nella Penisola Iberica (1969). Neste libro, ademais de sinalar a presenza de novos textos espurios nos apógrafos renacentistas, retoma cunha poderosa caixa de ferramentas metodolóxica o exame da tradición manuscrita da poesía trobadoresca, que, desde o excepcional estudo de Carolina Michäelis (1904), quedara practicamente estancado. As formulacións de Tavani suscitaron entre os especialistas un fecundo debate no que el mesmo participou desde unha posición permeable. De feito, non tivo reparos en precisar e modificar as súas propostas iniciais ata a súa última intervención sobre o tema (1999), intervención esta que singularizou cun subtítulo ben explícito: “Ancora sulla tradizione manoscrita della lirica galego-portoghese (quarta e ultima puntata)”.

A fonda actividade de Tavani sobre a poesía dos trobadores e o prestixio que acadan os seus estudos determinan que corra ao seu cargo a redacción do ensaio dedicado á tradición galego-portuguesa no clásico Grundriss der Romanischen Literaturen des Mittelalters (1982 e 1983), ensaio que, poucos anos máis tarde, será vertido ao galego (1986) e ao portugués (1990). Xunto aos títulos citados, adquiren tamén singular protagonismo no seu vasto curriculum o Diccionário da Literatura medieval galega e portuguesa (1993), a nova versión da Grammatica portoghese (1993) e o libro dedicado ás Cantigas de escarnio (1995), todos eles escritos en coautoría coa súa inseparable Giulia Lanciani, a muller que camiñou xunto a el toda unha vida e cuxa inesperada desaparición no outono de 2018 ocasionou que Beppe (como o chamaban a súa familia e os seus amigos) se sentise un estraño no mundo.

A intensa entrega de Tavani á nosa lírica, a nova vida que lles fixo cobrar ás cantigas fixérono merecedor dos mellores galardóns. Así, foi nomeado Doutor honoris causa polas universidades de Santiago de Compostela (1991) e Lisboa (1998); recibiu a medalla Castelao da Xunta de Galicia (1994); ingresou como socio correspondente na Academia das Ciências de Lisboa, e foi distinguido co Pedrón de Ouro (1987) e co Premio da Crítica de Galicia (1988). A todos estes recoñecementos, sumouse en 2004 o seu ingreso como membro de honra na Real Academia Galega. Co gallo da súa entrada nesta institución, pronunciou o discurso Unha Provenza hispánica: a Galicia medieval, forxa da poesía lírica peninsular, un texto cheo de reflexións e ideas fundamentais sobre a lingua dos cancioneiros e a xénese da actividade trovadoresca no occidente ibérico. Mais o mestre romano na súa ansia continua por dialogar co presente non dubidou en apoiar a divulgación da lingua e literatura galegas en Italia. Así, desenvolveu un papel crucial na creación do Centro de Estudos Galegos en Roma, o primeiro desta natureza no seu país; ademais, a súa concienciación co galego determinou que crease con Giulia o proxecto editorial «Poeti e prosatori galeghi», para o que traduciu Xa vai o grifón no vento de Alfredo Conde e Tempo de Compostela de Salvador García Bodaño.

Pero hai algo máis no perfil de Tavani que, desde Galicia, cómpre lembrar con especial agradecemento. Cando alá polo ano 1985 o estudoso tomou contacto directo coa Universidade de Santiago de Compostela, abríronse para moitos de nós as portas da Universidade ‘La Sapienza’, onde -e desde onde- durante xeracións orientou con xenerosidade as teses e traballos de todos aqueles que precisamos da súa axuda e maxisterio. Os que tivemos o privilexio de gozar do seu saber e da súa amizade nunca esqueceremos o seu carácter hospitalario, a súa forza vital e aquelas conversas nas que nunca faltaba a chispa da súa agudeza. Compaxinaba extraordinariamente o seu sentido do humor cunha fina ironía que despregaba de maneira desenvolta aferrado sempre á súa pipa. Defendía as súas conviccións coa elegancia que o caracterizaba, pero non se perdía nunca nas ramas, porque o seu sentido da vida non lle permitía gastar tempo en discusións bizantinas. Como todos os grandes mestres, posuía un saber inmenso que non atesouraba para si, senón que o compartía a mans cheas con discípulos, colegas e amigos nun diálogo sempre interactivo e respectuoso. Malia que o baleiro da súa perda é insuperable, Tavani déixanos como agasallo o seu mellor tesouro: a curiosidade insaciable polos textos e os mellores cimentos para continuar co estudo da lírica trobadoresca.

 

Pilar Lorenzo Gradín

Universidade de Santiago de Compostela