Durante un xantar celebrado en Murcia, co gallo dun Congreso sobre Afonso X, en marzo de 1984, Carlos Alvar, Vicente Beltrán, Juan Manuel Cacho Blecua, Fernando Carmona e Mª. Jesús Lacarra debatiron sobre a necesidade de constituír unha Asociación que agrupase aos estudosos das literaturas hispánicas medievais. A idea difundiuse entre outros poucos profesores de distintas Universidades españolas, quen, ao longo de 1984 e comezos de 1985, mantiveron conversas informais en Barcelona e Madrid. Por fin, na primavera de 1985, Carlos Alvar, Lola Badia, Vicente Beltran, Pedro Cátedra e Nicasio Salvador Miguel, nunha reunión celebrada na Universidad Complutense, formalizaron ese desexo instituíndo a Asociación Hispánica de Literatura Medieval (AHLM). Os fundadores decidiron ofrecerlle a Presidencia a Francisco Rico, ao tempo que era nomeada a primeira Xunta Directiva, na que Carlos Alvar foi designado Secretario e Vicente Beltrán, Pedro Cátedra e Nicasio Salvador Miguel, Vicepresidentes.

De contado, baixo o amparo de Manuel C. Díaz y Díaz e Ramón Lorenzo, celebrouse o Primeiro Congreso en Santiago de Compostela, do 2 ao 6 de decembro de 1985, patrocinado pola Xunta de Galicia, grazas a cuxa xenerosidade se publicarían as actas en 1988, e organizado por V. Beltran, X. L. Couceiro e J. M. Díaz de Bustamante. Entre os conferenciantes, ademais daqueles dous beneméritos protectores da Asociación, estaban algúns dos que se convertiron en membros sobranceiros da mesma: F. Rico, A. Deyermond e V. Bertolucci. Sorprende, ademais, ao repasar a lista dos comunicantes naquel congreso, a participación de moitos que colaborarían despois activamente na vida da AHLM, como, por rigorosa orde alfabética, C. Alvar, A. M. Álvarez Pellitero, L. Badia, R. Beltran, J. M. Cacho, J. M. Díaz de Bustamante, F. Gómez Redondo, Mª. Eugenia Lacarra, Mª. J. Lacarra, M. E. Lage Cotos, A. López Castro, P. Lorenzo, A. Montaner, A. Aires do Nascimento, J. Paredes, C. Parrilla. H. Sharrer, M. C. Tato ou M. Vaquero. Aínda que non estean nas actas, acudiron tamén M. Brea, E. Gonçalves, A. Ferrari, N. Salvador Miguel e P. Cátedra. Así mesmo, acompañáronnos outros que xa nos faltan (C. Flores e S. Moralejo e, por suposto, M. Díaz y Díaz). ¡Tempos aqueles (peores que os de hoxe, por suposto)!, a pesar de Jorge Manrique. Choveu como non adoita chover en Galicia: a xerros.

A aquel Congreso seguíronlle os de Segovia, presidido por N. Salvador Miguel (1987); Salamanca (1989), organizado por P. Cátedra; e Lisboa (1991), baixo a batuta de A. Aires do Nascimento. Namentres, dende 1987 comezou a ter vida o Boletín Bibliográfico ao coidado de Gemma Avenoza, que se ocupou da súa composición e edición até o ano 2003. O 1 de abril do mesmo 1987, a Asociación constituíuse ante o notario Antonio Linage, se ben houbo que agardar até o 20 de xullo de 1994 para a súa inscrición oficial. A vida asociativa seguiu consolidándose nos Congresos de Granada (1993) e Alcalá de Henares (1995), presididos respectivamente por J. Paredes e C. Alvar, e durante este período logrouse a publicación das actas de todos os Congresos, acadando o cénit de participación e a incorporación de quen hoxe constitúen os máximos expoñentes do medievalismo hispánico.

A partir de entón, grazas á integración progresiva de cantos, en España ou no estranxeiro, constitúen o núcleo máis activo da nosa especialidade e grazas á elevadísima presenza de investigadores novos e de estudosos en formación, logrouse que a empresa iniciada hai máis de vinte anos se consolidase nunha Asociación de prestixio mundial para os estudos medievais. A normalidade é aburrida, pero plácida; e neste momento a AHLM converteuse no espazo inevitable de encontro para todos os estudosos dos nosos campos de traballo.

Nalgúns momentos puidemos celebrar efemérides de certa significación: un fermoso fito, chegar ao décimo Congreso (Alacante, 2003), cunha magnífica organización dirixida por R. Alemany; acadar o vixésimo boletín (2007), unha fermosa xesta, lograda polo tesón envidiable de V. Beltrán e o seu grupo de colaboradores. Pero, entre Alcalá de Henares e Alacante, os Congresos da AHLM pasaron tamén por Castellón (1997), Santander (1999) e A Coruña (2001), conducidos por S. Fortuño, F. Rico e C. Parrilla; posteriormente, viñeron os de León (2005) e Cáceres (2007), coa dirección de A. López Castro e J. Grande Quejigo. En definitiva, percorremos todos os ángulos da Península Ibérica: da Meseta a Andalucía, do Mediterráneo ao Cantábrico e ao Atlántico. Para 2009, citámonos en Valladolid, baixo a tutela de Mª. J. Díez Garretas.

Até o momento, a AHLM estivo presidida por F. Rico, M. A. Pérez Priego, C. Alvar e N. Salvador Miguel.